Carta a Brais de su mamá Anita

“XA NON HAI PARA QUEN CANTAR”

Non fun quen de despedirme de ti mentres estiveches no meu útero, quentiño e durmidiño. Tampouco puiden facer nada por protexerte. Foi así.

Teño que dicirche que eu pensei que eras unha nena. Teu pai, pola contra, estaba seguro de que eras un neno. Non sei moi ben por que, pero sempre te imaxinamos sendo un pouco trasto. Imaxineite tanto, soñei tantas veces contigo…

Ías nacer en Xuño, empezando o verán, e xa te agardabamos impacentes. Neste piso no que vivimos hai un cuarto que ía ser o teu. Kika, coa súa pouca pacencia, tería que aprender a vivir contigo e ti con ela. Iriamos á praia, á neve, estariamos na casa xogando os días de choiva. Tiña pensado durmirte cantando todas as noites. Tiñamos moitos plans, moitas ideas e moita ilusión. Teriámonos divertido tanto…

No tempo que estiveches comigo fun moi feliz. Fomos moi felices. Falabamos de ti, quixémoste todo o tempo, canteiche a diario. Ainda temos colgada na cociña a foto da túa primeira ecografía e gústame recordar o momento no que a puxemos alí. Foi moi bonito. Xunto a ela ía poñer as seguintes, pero xa nin mas deron porque todo foi mal. Xa sabes, houbo moitos momentos duros que pasamos entre consultas e probas. Houbo moita xente que se preocupou por nós.

Oxalá estiveras aquí comigo ainda, e seguiras crecendo san. Oxalá chegaras a nacer e coñeceras o que había aquí esperando por ti. Oxalá. Pero por desgracia non foi así. Tiven que parirte triste e antes de tempo, e tivemos que dicirche adeus a ti e a todos os plans que nos agardaban. Xa non hai para quen cantar.

Quero que saibas que cando pase esta pena tan grande que teño, non te vou olvidar. Non podería ainda que quixera, e non quero. Voute ter sempre presente, como teño a aqueles que me faltaron antes. De feito gústame imaxinar que agora te despido e te deixo con mamá María, con madriña Pacucha, con Carmiña e con madriña Maruja, e que elas todas coidan de ti. En canto a nós, non te preocupes que coidamos un do outro.

Estamos reinventando a situación sen ti. Hai moito por facer, ver, defender, afrontar, sorrir, aprender, loitar, disfrutar, coñecer, traballar… Agora toca tirar para adiante. Toca seguir vivindo a nosa historia.

Ti, Brais, xa sempre formarás parte dela.